Saturday 27 de April de 2024

O Concello da Pobra convoca un proceso selectivo para formar unha bolsa de emprego de monitorado de tempo libre


Despois de seren aprobadas as bases reguladoras que rexerán o proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para monitorado de tempo libre, o Concello da Pobra do Caramiñal procede a convoca-las probas selectivas mediante un concurso-oposición para a cobertura en réxime laboral temporal destes postos.

Os labores, entre outros, son a monitorización dos servizos de Madruga e Comedor; imparti-los obradoiros de conciliación; dinamiza-las actividades lúdicas e de tempo libre dos programas culturais e deportivos das áreas dos deportes, da cultura e da igualdade; atende-los obradoiros de actividades manuais, natureza, tempo libre ou igualdade; e calquera outra tarefa propia da praza.

As persoas aspirantes deberán cumprir unha serie de requisitos; entre eles, te-la consideración de profesionais da educación no tempo libre na modalidade de monitor/a, para o cal deberán acreditar estar en posesión dalgunha das acreditacións seguintes: o título de monitor ou monitora de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil; o certificado de profesionalidade de dinamización de actividades de educación; ou o título da formación profesional que capacite de xeito expreso para o desempeño desta ocupación. Ademais disto, as persoas que sexan destinadas ós Servizos de Madruga e Comedor deberán presentar no momento da contratación a posesión do carné de manipulación de alimentos.

Para a inscrición no proceso selectivo, presentarase a solicitude conforme o anexo II das referidas bases a través do rexistro xeral de entrada do Concello da Pobra do Caramiñal, no horario das 09.00 ás 14.00 horas, ou por medio da sede electrónica municipal. O período é de 10 días hábiles, que se contan dende este mesmo martes 26, tras ser anunciada onte a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP). O dito trámite tamén se pode formalizar en calquera dos medios determinados na Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas. Xunto coa solicitude de participación, débense achega-las fotocopias da documentación xustificativa.

Toda a información detallada está á disposición no taboleiro de anuncios do Concello e na mencionada sede electrónica.